A Universidade e o Concello apostan pola herba de plástico

A pesar de ser a cidade máis grande de Galicia e contar cun club de rugby de destacada traxectoria histórica no deporte galego, Vigo conta só cun campo de dimensións homologables para a práctica deste deporte, o das instalación deportivas da Universidade no Campus Universitario Lagoas-Marcosende. Cando preparaba as oposicións e subía a traballar as fines de semana disfrutaba cos partidos do club, daquela na primeira división estatal. Os entrenos na cidade se fan de prestado nun campo menor do reglamentario e mal iluminado nas instalacións da ETEA, ese proxecto que xa estaba en marcha cando eu cheguei a Vigo, e así sigue 30 anos despois, en progreso.

Ao que imos; recentemente souben que o Concello vai pagar unha remodelación do campo para substituír a súa herba natural por céspede de plástico. Preséntase como unha intervención destinada a homologar o campo. Realmente ese campo xa estivo homologado, pero a falta de mantenza fíxolle perder esa condición. Non é preciso, pero si máis barato, substituír a herba natural por sintética. Sería preferible para os deportistas que se replantase o campo coas especies de céspede axeitadas para a homologación e se realizase unha mantenza acorde co nivel deportivo do club. A Universidade conta en plantilla cun excelente servizo de xardinería perfectamente capacitado para esa tarefa.

Se en ecoloxía nos preocupamos polo tema é porque algúns dos compoñentes dos campos de herba artificial presentan hidrocarburos poliaromáticos, bifenilos policlorados, ftalatos, e sustancias perfluoradas con alarmantes propiedades de toxicidade, bioacumulación e persistencia ambiental (Murphy e Warner, 2022). Cando chove, esas sustancias químicas pasan ás augas de escorrentía e contaminan os cursos de auga do entorno. E cando os nosos fillos chegan de facer deporte nolas meten na casa a través desas boliñas negras que traen nos botines. Estudos feitos no noso laboratorio usando técnicas ecotoxicolóxicas internacionalmente recoñecidas asignan a compoñentes do céspede artificial un grado de toxicidade de 3 sobre 4 para copépodos e de 2 sobre 4 para embrións de ourizo e microalgas.

Nas microfotografías seguintes, todas co mesmo aumento, pode compararse unha larva de ourizo desenvolvida en auga limpa control con outras desenvolvidas en lixiviados de tres componentes da herba artificial: as fibras, a base, e a cama de caucho (Fotografías Samuel Acha). As expostas aos lixiviados presentan diversas anomalías morfolóxicas e menor crecemento, é dicir, a herba de plástico contén sustancias embriotóxicas que pasan á auga.

En Galicia non temos problemas de falta de chuvia, se acaso de exceso, e a Universidade de Vigo conta cunhas instalacións nun entorno natural privilexiado e un persoal competente que realizou interesantes intervencións ambientais no Campus. Non parece que optar polo plástico para o seu emblemático campo de rugby sexa unha decisión axeitada, á altura do nivel deportivo da cidade. Semella máis ben unha decisión cutre no económico e irrespetuosa no ambiental. Quizá estamos a tempo para parala.

 

Ricardo Beiras

Catedrático de Ecoloxía

Facebook
LinkedIn
X
WhatsApp

Related posts

A landmark study published in Environmental Advances (DOI: 10.1016/J.ENVADV.2025.100644) has, for the first time, mapped small microplastics (10 µm–5 mm) across a wide range of coastal environments along the European Atlantic seaboard.
Last Wednesday, July 16th, 2025, Professor Ricardo Beiras captivated attendees at the Advancing Plastics Circularity Conference (Plastics Recycling and Upcycling Gordon Research Conference) held at Southern New Hampshire University in Manchester, New Hampshire, USA.
After four years, the EU H2020-funded LabPlas (LAnd-Based solutions for PLAStics in the Sea) project has officially wrapped up—delivering groundbreaking science and policy guidance on marine microplastic pollution.